Martina Aneiros supervisa o inicio das obras de mellora do firme na autovía AG-64 nas que a Xunta investirá máis de 1,3 M€

Ferrol, 22 de xullo de 2022

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, acompañada do xefe territorial de Infraestruturas, José Antonio Álvarez , supervisaron esta mañá o inicio das obras de mellora do firme na autovía AG-64 cun investimento autonómico de 1.315.222 euros.

 

A intervención, que se centra estes días no primeiro tramo da autovía, comprende o acondicionamento e rehabilitación do firme en 40 quilómetros desta vía que une Ferrol e Vilalba, de cara a mellorar a seguridade viaria. Concretamente, actuarase no treito da AG-64 comprendido entre os puntos quilométricos 0 e o 39+790, ao seu paso polos concellos de Narón, San Sadurniño, As Somozas e As Pontes.

 

“Estas obras, xunto ás de mellora dos trazado da AC-566 e a AC-862, son unha mostra de que a Xunta continúa traballando na mellora e conservación da rede viaria autonómica na nosa comarca co fin de proporcionarlles aos veciños unhas estradas seguras e eficientes, favorecer a mobilidade e contribuír ao incremento da competitividade”, sinalou a delegada territorial.

 

Os traballos consisten na reparación do firme que se atope en mal estado, coa mellora da capa de rodadura, así como das condicións de adherencia. O prazo de execución é de seis meses.

 

No contrato inclúense, ademais, obras complementarias de mellora de drenaxe nos puntos onde sexa necesario. Tamén se renovará a sinalización vertical e horizontal nas zonas nas que estea deteriorada.

 

A execución das obras estase a compatibilizar co mantemento do tráfico da autovía, co obxectivo de minimizar as molestias na circulación nesta vía de alta intensidade de tráfico, na que unha parte importante son vehículos pesados.