A Estrada (Pontevedra), 16 de maio de 2026
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, asistiu hoxe á Carreira Barreiros E-Motion FP A Estrada Urban Race, unha iniciativa impulsada polo Centro Galego da Innovación da FP Eduardo Barreiros para fomentar a innovación, a sustentabilidade e a aplicación práctica dos coñecementos técnicos entre o alumnado de FP, unhas ensinanzas que reivindicou como un dos emblemas que mellor representan a Galicia Calidade.
O representante do Goberno galego felicitou aos 48 estudantes participantes, todos eles de FP Básica, procedentes do Instituto Castro da Uz (As Pontes de García Rodríguez), do Centro Integrado de FP A Xunqueira (Pontevedra), do Instituto do Ribeiro (Ourense), do Instituto de Vilalonga (Sanxenxo) e do Instituto Antón Losada (A Estrada), e destacou a implicación tanto do alumnado como do profesorado “nun proxecto que combina innovación, traballo en equipo e aprendizaxe práctica de alto nivel”.
A carreira forma parte dun programa educativo no que os equipos deben deseñar, fabricar e optimizar monoprazas eléctricos, aplicando competencias vinculadas á automoción, electrónica, mecatrónica, robótica ou fabricación mecánica. “Estas iniciativas permiten que o alumnado traballe en contornas moi similares ás que atoparán no mundo laboral, desenvolvendo capacidades técnicas e tamén habilidades como a resolución de problemas, a planificación ou o traballo colaborativo”, sinalou.
A competición desenvólvese baixo o formato GREENPOWER, o que permite aos equipos participar tamén en probas nacionais e internacionais vinculadas á mobilidade sostible. A próxima carreira celebrarase o 28 de maio no Congreso de Mobilidade de Sanxenxo.