Medio rural avanza na posta en marcha de permutas de especial interese agrario no concello da Estrada

A Estrada (Pontevedra), 10 de setembro de 2025

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez, reuniuse hoxe co alcalde do concello pontevedrés da Estrada, Gonzalo Louzao, para abordar o estado dalgúns dos procedementos de recuperación da terra agraria que se están a levar a cabo nesta localidade e, concretamente, das permutas de especial interese agrario. Nesta xuntanza tamén estiveron presentes varios veciños do lugar de Cabanelas, onde se proxecta realizar un proxecto de permutas. 

A directora xeral resolveu as súas dúbidas e explicou que se trata dunha ferramenta eficaz para a mobilización de terras. A través deste instrumento os propietarios de fincas rústicas poderán intercambialas mediante mutuo acordo, mellorando a produtividade das explotacións agrarias das zonas nas que se implantan. 

No concello da Estrada xa se mobilizaron a través deste instrumento un total de 36 parcelas nunha superficie de 9,23 hectáreas; nun proxecto promovido polos propios veciños do lugar de Gueifas, na parroquia de Santa Mariña de Agar. Estes veciños poden acollerse ás axudas para os gastos de asesoramento técnico e xurídico, de acondicionamento dos terreos, notariais e de inmatriculación rexistral para promover instrumentos de mobilización e recuperación da terra agraria, en especial as permutas de especial interese agrario e os polígonos agroforestais de iniciativa privada con prazo aberto ata o mes de novembro de 2026.