Medio Rural e o concello da Estrada intensifican a súa cooperación para seguir mellorando o agro deste municipio pontevedrés

Santiago de Compostela, 12 de decembro de 2024

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, e o alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, avanzaron hoxe nas diferentes vías de colaboración entre o Concello e a Xunta para seguir mellorando o agro neste municipio pontevedrés, nunha reunión celebrada en San Caetano.

Na xuntanza, na que tamén participou a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez, analizáronse distintas cuestións relacionadas fundamentalmente coas infraestruturas rurais e coa posta en valor de terras mediante as concentracións parcelarias e as ferramentas da Lei de recuperación.

Así, en relación coas infraestruturas, avanzouse na planificación e desenvolvemento de actuacións vinculadas, entre outras medidas, coa mellora de accesos a núcleos de poboación e explotacións. No que atinxe aos instrumentos da Lei de recuperación, fíxose fincapé nas permutas voluntarias como mecanismo de mobilización de terras.

En canto ás parcelarias, púxose de relevo que A Estrada conta xa con 47 zonas de concentración rematadas e mantén tres activas, que son as de Codeseda, Monte Val do Vea-sector II e Arca-Nigoi-sector Arca. As responsables da Consellería comprometéronse a continuar impulsando estes procesos, en colaboración co Concello, para rematalos o antes posible, unha sensibilidade que foi agradecida polo rexedor estradense.

No encontro de traballo valorouse tamén a clara vocación agrogandeira deste municipio pontevedrés, un dos de maior extensión de Galicia e que conta con ata 66 explotacións de vacún de leite e unha produción conxunta de preto de 19 millóns de litros, con datos correspondentes á anualidade de 2023.