O avance nos traballos na autovía Tui-A Guarda entre os enlaces da A-55 e o polígono de Areas fan preciso un corte de tráfico na noite de hoxe

Santiago de Compostela, 29 de marzo de 2023 A Xunta segue a avanzar na execución das obras do treito da autovía Tui-A Guarda entre os enlaces da A-55 e do polígono de Areas, uns traballos que farán preciso un corte de tráfico nocturno hoxe.

Esta afección ao tráfico, no treito comprendido entre os puntos quilométricos 29+100 e 30+600 da autovía A-55, levarase a cabo desde as 22,00 horas de hoxe e ata as 06,00 horas de mañá, xoves, cando quedará restablecida a circulación.

Este corte é necesario para proceder á montaxe do segundo van de vigas metálicas do paso superior en forma de glorieta, sobre a autovía, co fin de poder dar servizo aos ramais, no tronco da autovía e a conexión coa N-551. 

Neste sentido, é preciso o corte total de ambas as calzadas da autovía durante esta noite para executar os traballos en condicións de seguridade e con menores afeccións ao tráfico. 

Co obxectivo de poder dar servizo a ambos os sentidos de circulación polo itinerario alternativo, desde a saída 29, sentido Portugal, usarase a estrada autonómica PO-340, incorporándose á N-550 e posteriormente á N-551, discorrendo polo termo municipal de Tui; sendo o mesmo percorrido en sentido O Porriño, pero á inversa. Este itinerario implica un tempo de percorrido de entre 8 e 10 minutos. 

A Xunta segue a avanzar nos traballos de execución da autovía Tui- A Guarda, entre os enlaces da A-55 e Areas, que se prevé poñer en servizo a finais do verán, tras un investimento autonómico que se eleva a 30 M€.