Santiago de Compostela, 20 de xaneiro de 2023 O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a transferencia a prol da Xunta da rúa Miño, que une a estrada autonómica PO-510 coa ponte internacional entre Salvaterra de Miño e Monção, xa en Portugal.
A través deste decreto, transfírese a rúa do Miño, esta vía municipal de titularidade do Concello de Salvaterra de Miño, que comeza na glorieta do enlace entre as estradas autonómicas PO-403 e PO-510, discorre paralela á estrada PO-403 polo oeste, ata conectar coa ponte internacional sobre o río Miño, cuxa titularidade en territorio español ostenta formalmente desde o 2021 a Xunta.
Esta vía municipal ten unha lonxitude de 1.106 metros. A Xunta ten proxectado executar unha actuación nesta rúa coa finalidade de ampliar as dimensións da calzada actual para que estea adaptada ao importante tránsito de vehículos que cruzan a diario a fronteira.
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, de acordo cos informes emitidos polos servizos da Axencia Galega de Infraestruturas en Pontevedra, formulou a proposta favorable de transferencia da rúa do Miño, que exerce na actualidade unha función de conexión da rede de estradas da república portuguesa coa rede de estradas autonómica de Galicia, a través da ponte internacional de Salvaterra de Miño-Monção.
Coa publicación hoxe deste decreto, a Xunta terá competencia para actuar neste treito, cando ten efecto o decreto. Deste xeito, a formalización deste cambio de titularidade, permitirá Xunta executar as obras de remodelación da rúa do Miño, para adecuala ao tránsito internacional que soporta, coas maiores garantías de seguridade para vehículos e veciños.
Tal e como avanzou esta mesma semana a titular do departamento de Infraestruturas, Ethel Vázquez, a Xunta prevé licitar esta obra de reforma da rúa Miño de Salvaterra para adaptala ao tráfico internacional na primavera, cun investimento autonómico de case 340.000 euros.
Esta intervención, que se realizarán no treito final da rúa, que vai da rúa Rosalía de Castro ata a rúa Fontoura, comezará a finais do verán para estar rematadas a principios de 2024, posto que teñen un prazo de execución de 6 meses.
Ao rematar as obras de ampliación proxectadas nesta rúa de titularidade transferiranse os aparcadoiros e beirarrúas resultantes, de novo, ao Concello de Salvaterra de Miño. Manteranse como de titularidade autonómica a calzada e as beiravías.
A transferencia da rúa Miño tramítase de acordo co previsto na Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, que estable a súa aprobación por decreto da Xunta, a proposta da Consellería competente en materia de estradas, e logo do acordo entre as administracións implicadas.
Na seguinte ligazón ao DOG pódese ampliar a información relativa a esta transferencia, aprobada na reunión do Consello da Xunta do pasado 29 de decembro: https://acortar.link/qqrZBG
O acordo do Executivo autonómico dálle o pulo definitivo á ordenación e racionalización da rede viaria do municipio de Salvaterra de Miño, tras terse formalizado nos últimos anos distintos acordos de cambio de titularidade de estradas autonómicas en favor do Concello, que se culmina agora coa transferencia a favor da Xunta da rúa do Miño, como eixe viario autonómico que recorre a marxe norte do Miño (PO-400 e PO-510), a estrada que comunica coa A-53 e Ponteareas (PO-403) e a ponte internacional.
Esta nova actuación da Xunta é complementaria á reforma da ponte internacional, obxecto dunha rehabilitación estrutural, a través da colaboración entre os gobernos de Galicia e Portugal, que supuxo un investimento de máis de 600.000 €; unha actuación que se prevé teña continuidade no futuro coa ampliación da sección peonil e a dotación de ciclovía.