Madrid, 10 de decembro de 2024
O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, participou esta mañá na primeira xornada do 4º Congreso Español de Smart Roads, promovido pola Asociación Española de la Carretera e que se desenvolve na sede do Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos en Madrid. O simposio aborda nesta edición a tecnoloxía para a xestión de viarios e estradas intelixentes e Menéndez interveu xunto a expertos deste ámbito do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible, a Comunidade de Madrid ou a Dirección Xeral de Tráfico.
Na súa intervención, Francisco Menéndez expuxo a Estratexia en materia de dixitalización e innovación da AXI, que se está a desenvolver co obxectivo de xerar un “xemelgo dixital da estrada”, que se utilice para mellorar os procesos de xestión das estradas autonómicas, e se poida poñer a disposición tamén da cidadanía para simplificar trámites como as autorizacións.
Neste proceso dixitalizáronse xa máis de 737.000 expedientes de expropiacións, restituíronse máis de 51.600km de liñas que caracterizan as estradas, como o eixo, a liña branca ou a liña límite de explanación, e estanse a escanear tamén 3,35 millóns de páxinas de expedientes de autorizacións. Nestes momentos, estase avanzando no proceso de validación desta información, para ir utilizándoa a medida que se vaia verificando.
Esta estratexia continuará desenvolvéndose ata o ano 2027, e conta coa cofinanciación dos fondos europeos FEDER 21/27.