O estendido do firme na vía de altas prestacións Pardiñas-As Galanas e os traballos na zona final da autovía Santiago-Brión suporán novas afeccións ao tráfico a vindeira semana

Santiago de Compostela, 30 de xuño de 2023

As obras de estendido da nova capa de rodaxe na autovía VG-1.7, Pardiñas-As Galanas, e os traballo na zona final da autovía AG-56, Santiago-Brión, suporán novas afeccións ao tráfico a vindeira semana.

 

Máis en concreto, o luns día 3 de xullo comezaranse os traballos polo estendido da nova capa de rodadura na vía de altas prestacións, no ramal das Galanas.

 

As actuacións na VG-1.7 proseguirán entre o martes e o mércores, polo que será necesario cortar un dos carrís e dar tráfico alternativo polo outro mediante semáforos.

 

Segundo a programación dos traballos, as obras comezarán o martes ás 8,30 horas e prolongaranse ata as 20,30 horas no tramo situado entre os quilométricos 3 e o 2+000. O mércores os traballos seguirán, nese mesmo horario, entre os quilómetros 2 e 1. Xa o xoves día 6, tamén no mesmo horario, desenvolveranse as intervencións entre os puntos quilométricos 1 e 0+200 .

 

En paralelo a estas actuacións, o venres día 7, os traballos en execución na autovía Santiago-Brión, a AG-56, concentraranse na zona final de la autovía, o que obrigará a facer o corte dunha calzada, funcionando a calzada oposta como vía de dobre sentido.

 
Rehabilitación do firme

Todas esta tarefas forman parte da renovación do firme na autovía Santiago-Brión, AG-56, e na vía de altas prestacións Pardiñas-As Galanas que se está a levar a cabo nas últimas semanas cun investimento de case 5,9 M€, asumido dentro do contrato de concesión da autovía.

 

Os traballos, que contan cun prazo de execución de 4 meses, céntranse no acondicionamento do firme de puntos ou zonas singulares onde existe un deterioro acentuado, mediante o fresado de 5 cm de capa de rodaxe e a reposición de 5 cm con mestura intermedia. As obras tamén inclúen o selado de fisuras transversais e o estendido de nova capa de rodaxe no tronco, ramais e enlaces. As actuacións complementaranse coa posterior reposición da sinalización horizontal e vertical.