Santiago de Compostela, 28 de setembro de 2024
A Xunta continuará esta vindeira semana progresando nos traballo de renovación do firme na autovía do Barbanza, para o que se fará necesario o corte completo do tramo da A-G11, comprendido entre os enlaces de Palmeira e Ribeira, desviándose o tráfico pola AC 550 e a AC 305.
Estas tarefas, que teñen como obxectivo garantir a conservación da autovía e a seguridade viaria, se desenvolverán durante este luns, día 30 de setembro, e o martes, 1 de outubro, entre as 8 e as 17.30 horas, sempre que as condicións meteorolóxicas o permitan.
Trátase de actuar no tramo final da autovía, cuxa configuración corresponde a unha estrada convencional dun carril por sentido. Neste punto a calzada presenta dous carrís de 3,5 metros e beiravías de 1,5 metros.
Nun primeiro momento actuarase no carril con sentido cara a Ribeira e posteriormente no carril con sentido cara a Padrón.
Na programación destes traballos inclúense os percorridos alternativos habilitados para minimizar a afección ao tráfico, en función do sentido da circulación dos usuarios da autovía. Os desvíos estarán debidamente sinalizados.
No caso da circulación dos vehículos en sentido Ribeira, o tráfico sairá da autovía no enlace de Palmeira e incorporarase á AC 305 ata o centro de Ribeira, onde tomará a estrada AC 550 ata a rotonda de Xarás.
En sentido Padrón, desde a rotonda de Xarás tomarase a AC-550 ata chegar ao cruzamento coa AC- 305, circulando por esta estrada ata o enlace de Palmeira.