As obras de humanización da estrada AC-305 en Palmeira, en Ribeira, farán necesarios desvíos de tráfico a partir deste luns

Santiago de Compostela, 1 de novembro de 2026

As obras de humanización da estrada AC-305 en Palmeira, en Ribeira, farán necesarios desvíos de tráfico a partir deste luns.

Os traballos desenvolveranse por fases dende este luns, día 2 de novembro, e durante as vindeiras semanas.

No marco das actuacións que se están levando a cabo nesta estrada, para executar dúas das plataformas previstas, será necesario restrinxir o paso a través da travesía de Palmeira entre o cruce coa rúa Barreiro e o final da obra.

O tráfico pesado desviarase entre Ribeira e A Pobra do Caramiñal pola autovía do Barbanza (AG-11), e o restante por un vial municipal que bordea polo norte a estrada AC-305.

Os residentes do casco urbano de Palmeira terán habilitado un acceso cara o centro a través da rúa Agriña, polo sur deste núcleo e bordeando a costa pola rúa Río Azor.