As obras de prolongación da autovía AG-59 fan necesario o corte de tráfico no enlace da Ramallosa durante seis semanas

Santiago de Compostela, 18 de maio de 2025

O avance nas obras de prolongación da autovía Santiago-A Estrada (AG-59) fará necesario o corte de tráfico do enlace da Ramallosa desde hoxe, 18 de maio, e por un prazo de seis semanas.

Con este corte están pechados ao tráfico tanto o ramal de entrada como o de saída á autovía AG-59 neste enlace da Ramallosa, e a circulación desvíase a través do enlace dos Verxeles.

O novo corte é necesario para os traballos que se desenvolven no enlace da Ramallosa, que inclúen a execución de barreiras de seguridade, sinalización vertical, horizontal e balizamento, así como da disposición de aglomerado da capa de rodadura do firme e a terminación de elementos de drenaxe.

Unha vez rematados os 7,5km da prolongación desta autovía, libre de peaxe, os tempos da viaxe entre Santiago de Compostela e A Estrada reduciranse a 10 minutos, ademais de mellorar a seguridade viaria, tras un investimento global de máis de 67 M€.