Santiago de Compostela, 29 de xuño de 2022.- As estradas de titularidade da Xunta rexistraron o pasado ano 2021 unha intensidade media diaria de 2.985 vehículos, o que supón un aumento do 18,1% para o global de Galicia, fronte ao retroceso do 20,8% no período 2019-2020, motivado polas restricións derivadas da pandemia. Así o recolle a Memoria de Tráfico que elabora anualmente a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade e que se publica hoxe.
Nos datos desagregados por provincias, o maior aumento no tráfico rexistrouse na provincia de Ourense cun 18,9%, seguida por Lugo co 18,6 % e Pontevedra co 18,3 %. O menor ascenso rexistrouse na provincia da Coruña cun valor do 17,5%.
En relación á intensidade media diaria (IMD) de vehículos, no 2021 superouse o valor autonómico nas vías das provincias de Pontevedra, con 4.347 vehículos ao día, e da Coruña, con 4.065. Por debaixo da intensidade media diaria galega sitúase o tráfico nas estradas de Ourense, con 1.614 vehículos ao día, e de Lugo, con 1.490.
Do tráfico rexistrado polas estacións de aforo durante o ano 2021, o 8,4 % correspondeuse con vehículos pesados, valor inferior ao rexistrado nesas mesmas estacións durante o ano anterior. Por provincias, as porcentaxes máis elevadas de tráfico pesado rexistráronse en Lugo e Ourense, co 11,9% e o 8,4% respectivamente. Polo contrario, os valores mínimos correspondéronse coas provincias da Coruña e de Pontevedra, co 7,6 e o 5,5% respectivamente.
A memoria de Tráfico tamén recolle os datos de intensidade media diaria de vehículos segundo o tipo de vías polas que se circula, que divide a rede en tres posibles tipos: estruturante, complementaria e local, en función da categoría dos núcleos urbanos ou os centros de actividade aos que sirve, así como a función que desempeñe o tramo en relación coa ordenación do territorio e do sistema de transporte. Cómpre lembrar que a entrada en vigor do Decreto 100/2021, do 24 de xuño, polo que se aprobou o Catálogo de estradas da rede autonómica da Xunta, derrogou o anterior sistema que establecía a clasificación das estradas en Vía de alta capacidade, Primaria básica, Primaria complementaria e Secundaria.
Para o conxunto de Galicia, e segundo a clasificación actual, por tipo de vía, a rede estruturante rexistrou unha intensidade media de 6.349 vehículos ao día, seguida da rede complementaria, que acadou unha media de 2.532 vehículos ao día. Finalmente, a rede Local rexistrou unha intensidade media de 1.648 vehículos ao día.
Cómpre ter en conta que durante o ano 2021, as limitacións impostas á mobilidade pola xestión da situación de crisis sanitaria ocasionada por mor da covid-19 supuxeron una redución dos desprazamentos e, en consecuencia, do tráfico en xeral. Estas restricións foron máis marcadas nos meses de xaneiro e febreiro, cun volume de tráfico menor ao habitual se se comparan cos meses posteriores.
Deste xeito, a partir de marzo comézase a recuperar a normalidade no que a volume de tráfico se refire, acadándose, en xeral, valores máis próximos, e en ocasión incluso se superan, aos do ano 2019.
Nesta análise tamén se ten en conta que entre o 31 de xaneiro do 2021 e ata o 1 de maio os pasos fronteirizos de Arbo, Salvaterra do Miño e Tomiño permaneceron pechados á circulación, rexistrando un elevado descenso do tráfico durante este período polo peche da ponte de Arbo.
Os datos recollidos na Memoria de Tráfico de 2021 son o resultado de 390 estacións de aforos, das que o 60 por centro, un total de 240, foron fixas ou de detección magnética; e 150 de detección pneumática. Este método de mostraxe consiste en recoller información exhaustiva nun número determinado de seccións elixidas nos tramos máis significativos da rede viaria.
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade realiza unha análise anual do tráfico das estradas da súa titularidade co obxectivo de dispoñer de información permanentemente actualizada sobre os vehículos que circulan por estas vías e clasificada conforme a parámetros tales como a intensidade media diaria, a porcentaxe de vehículos pesados e as súas variacións ao longo do tempo.
Ese conxunto de datos resultan de grande utilidade para adaptar a xestión da rede autonómica de estradas ás súas demandas reais, prever as necesidades futuras e planificar as actuacións e os investimentos nas vías.
Os datos da Memoria de Tráfico poden consultarse no seguinte enlace: https://infraestruturasemobilidade.xunta.gal/c/document_library/get_file?folderId=1646706&name=DLFE-48049.pdf