A rede de sendas peonís e ciclistas nas estradas da Xunta, recoñecida hoxe nos Premios europeos á excelencia na seguridade vial 2024

Bruxelas (Bélxica), 14 de novembro de 2024

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas vén de ser distinguida hoxe nos premios europeos á excelencia na seguridade vial 2024, pola rede de sendas peonís e ciclistas nas estradas da Xunta.

O xefe da área de Planificación, Innovación e Seguridade Viaria da Axencia Galega de Infraestruturas, Héctor Presas Veiga, foi o encargado de recibir hoxe en Bruxelas este galardón na gala dos coñecidos premios Excellence in Road Safety ao traballo desenvolvido pola Xunta no ámbito da seguridade viaria.

Este galardón está impulsado pola European Road Safety Charter (ERSC), unha comunidade de máis de 4.000 entidades e persoas, que promove a Comisión Europea para mellorar a seguridade viaria en toda a UE.

A estratexia de mobilidade alternativa da Xunta acadou así o galardón na categoría de mellores proxectos de apoio á seguridade viaria para usuarios vulnerables da vía: peóns e ciclistas.

Trátase das sendas peonís e/o ciclistas executadas pola Administración autonómica para permitir a circulación separada de vehículos e peóns. Deste xeito, mellórase a seguridade viaria e proporciónase un itinerario cómodo e seguro.

Nos estudos de aforo realizados pola Consellería comprobouse que coa execución destas infraestruturas minimízase o risco de atropelos e de accidentes provocados pola interferencia destes usuarios. Ademais, non se produciron atropelos naqueles tramos onde se dispuxeron sendas peonís e reduciuse o uso de vehículos automóbiles, co conseguinte beneficio ao medio ambiente.

A Axencia Galega de Infraestruturas promoveu nos últimos anos preto de 300 km de sendas peonís, ciclistas e beirarrúas, contando ademais co apoio do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

A Xunta segue a traballar no seu obxectivo de favorecer unha mobilidade máis segura, sostible e menos prexudicial para o entorno, coa execución  de máis sendas peonís, que proximamente se presentarán no marco do vindeiro Plan de sendas para as estradas de titularidade autonómica.