Santiago de Compostela, 14 de xullo de 2023
Os traballos de estendido do firme na autovía Santiago-Brión (AG-56) están xa rematados e completaranse a vindeira semana coa execución das xuntas dos viadutos e labores de pintura.
As tarefas que restan por acometer a próxima semana só precisarán de cortes de tráfico nun dos carrís.
No marco destes traballos tamén se aproveitou para mellorar a configuración do enlace da autovía coa SC-20 e a AP-9. Coa actuación realizada evítase que os vehículos procedentes de Santiago para a SC-20 teñan que ceder o paso para acceder á AP-9, como acontecía ata agora.
Para acadar este obxectivo e favorecer a mobilidade, reducíronse os carrís de circulación que veñen de Brión, pasando de 2 a 1, un pouco antes do enlace.
Estas tarefas forman parte da renovación do firme na autovía Santiago-Brión, a AG-56, e na vía de altas prestacións Pardiñas-As Galanas que se estiveron a executar estas semanas cun investimento de case 5,9 M€, asumido dentro do contrato de concesión da autovía.
Os traballos abrangueron o acondicionamento do firme de puntos ou zonas singulares cun deterioro acentuado, mediante o fresado da capa de rodaxe e a súa reposición. As obras tamén incluíron o selado de fisuras transversais e o estendido de nova capa de rodaxe no tronco, ramais e enlaces. As obras complétanse coa reposición da sinalización horizontal e vertical.