Rueda defende a aposta prioritaria da Xunta pola vivenda pública tralo acordo asinado cos concellos de Lalín, Teo e A Estrada

Lalín (Pontevedra), 6 de maio de 2025

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, asinou hoxe un acordo de colaboración cos concellos de Lalín, Teo e A Estrada que permitirá a cesión gratuíta de parcelas nas devanditas localidades para a construción de inmobles de promoción pública. “Temos que ofrecer solucións reais ao problema da vivenda e iso pasa por cooperar, planificar, priorizar os recursos para este eido e actuar”, indicou. 

Grazas a esta cesión, a Xunta construirá 71 vivendas distribuídas entre as parcelas asignadas: 28 na avenida de Vigo, na Estrada; 17 na zona da Rolda Leste, en Lalín; e 26 na rúa Cernadelo, en Teo. Unha vez formalizada a cesión dos terreos, a Xunta asumirá a súa titularidade e, tal e como explicou Rueda, activará hoxe mesmo “o proceso de licitación dos proxectos construtivos”. 

Rueda destacou a importancia da colaboración entre administracións para avanzar na construción da vivenda pública en Galicia, unha aposta prioritaria para a Administración autonómica. “Ten que ser unha responsabilidade compartida”, indicou porque “a vivenda non é un luxo senón un dereito tal e como recolle a Constitución”.

O titular do Goberno galego enmarcou esta iniciativa nunha política integral e ambiciosa que, segundo indicou, busca duplicar o parque residencial da Comunidade, pasando de 4.000 a 8.000 vivendas públicas. A día de hoxe, subliñou, xa hai “máis de 2.000” en distintas fases de execución, tanto en cidades como en concellos medianos e pequenos. “Esa Galicia calidade que estamos a facer entre todos non será se non hai unha vivenda de calidade”, salientou.

Entre as actuacións complementarias que a Xunta está a desenvolver, o xefe do Executivo autonómico mencionou a Estratexia Galega de Solo Residencial, que facilitará solo para 25.000 novas vivendas (das cales 20.000 serán protexidas), os Proxectos de interese Autonómico en sete grandes concellos, e medidas fiscais e financeiras para promover o alugueiro social e a rehabilitación de vivendas. 

Tamén destacou o traballo que se está facendo para mobilizar o parque de vivendas existente, cun enfoque especial no alugueiro social e a recuperación de inmobles baleiros.