A Estrada (Pontevedra), 16 de decembro de 2025
A directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, Margarita Ardao, mantivo hoxe un encontro con empresarios do municipio pontevedrés da Estrada para informarlles dos avances rexistrados no proxecto de ampliación do parque empresarial de Toedo, que incrementará a superficie actual en 156.685 metros cadrados mais, un 84% do solo do parque actual.
No transcurso da reunión, Margarita Ardao lembrou que nestes momentos está en fase de licitación o proxecto de expropiación e de apoio técnico dos terreos, bens e dereitos afectados, á que se presentaron catro empresas e que se adxudicará nas vindeiras semanas. Neste senso, sinalou que dito proxecto se está a tramitar en paralelo ao da aprobación definitiva do Plan Estruturante de Ordenación de Solo Empresarial (PEOSE), co obxectivo de axilizar os prazos e poder atender canto antes a demanda da comarca de contar con máis solo empresarial para impulsar a implantación de novas empresas.
A actuación que se está a desenvolver neste parque enmárcase na estratexia da Xunta de Galicia de crear un tecido empresarial forte e competitivo, dotándoo de máis solo empresarial e coa base nun modelo de desenvolvemento industrial ordenado, eficiente e respectuoso co medio ambiente, que atraia investimentos, favoreza a creación de emprego e garanta o equilibrio territorial. O orzamento global previsto para esta actuación ascende a 13,39 millóns de euros.
Novas figuras para acelerar a creación de solo empresarial
No transcurso do encontro cos empresarios, a directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial aproveitou para explicarlles que a Xunta de Galicia conta con novas figuras xurídicas que permiten a proxectos industriais estratéxicos a simplificación administrativa e a redución dos prazos para poder dispor de solo empresarial.
Neste punto, Margarita Ardao se referiu aos ZAPES (Zonas de Aceleración de Proxectos Empresarias), que permiten realizar de xeito simultáneo e de forma máis áxil a tramitación urbanística do solo e daqueles proxectos empresariais declarados estratéxicos (PIE) que se vaian a asentar.
Case 3 millóns de m2 en Pontevedra
O Goberno galego está a impulsar diferentes proxectos para dotar a provincia de Pontevedra de case tres millóns de metros cadrados máis de solo empresarial. Ademais do parque empresarial de Toedo (A Estrada), actualmente encóntranse en tramitación os PEOSE do Parque empresarial de Fragamoreira (Poio), o parque empresarial de Louredo (Mos-Redondela), a ampliación do Parque empresarial de O Pousadoiro (Vilagarcía de Arousa), e Fase II de o Campiño (Pontevedra) e a ampliación da MI da PLISAN. Tamén se está a traballar na tramitación do proxecto de urbanización da Fase IV de Lalín 2000 e o proxecto de reurbanización da Central de Transportes e Teminal Intermodal de Ponte Caldelas. En total, suman máis de 2,7 millóns de metros cadrados de solo empresarial.