Santiago de Compostela, 3 de xullo de 2022 A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade adxudicou as obras de acondicionamento da parada de autobús situada na estrada autonómica PO-308, en Laño, no concello de Poio.
Os traballos foron adxudicados á empresa Obras, proyectos y actividades S.L. por importe de más de 32.000 euros e comezarán nas vindeiras semanas.
As actuacións deseñadas pola Xunta prevén o acondicionamento da zona de instalación da nova ubicación desta parada de autobús da estrada PO-308, que se situará no ámbito da cuña de deceleración existente na contorna do punto quilométrico 9+400 da vía autonómica.
Para isto, procederase ao traslado da marquesiña actual desde o punto quilométrico 9+460 ao 9+340, dando continuidade ao itinerario peonil na marxe dereita da estrada autonómica, mediante a construción dun novo tramo de senda.
O novo treito de senda na PO-308 contará cun ancho mínimo de 1,8 metros e pavimento de formigón cor terriza, e estará elevada 10 centímetros con respecto á calzada.
Nesta intervención na PO-308 prevese, ademais, a colocación nos vaos peonís de pavimento táctil de botóns e direccional. A presenza da parada de bus será advertida con pavimento podotáctil.
Tamén se disporá un novo paso de peóns no punto 9+340 da PO-308 que permita comunicar os itinerarios peonís das dúas marxes da estrada con seguridade.
Ademais dos traballos anteriores, as obras incluirán a disposición dunha nova sinalización horizontal e a execución, baixo a senda, dunha gabia para a instalación de canalizacións de telecomunicacións. A drenaxe neste itinerario resolverase cunha canalización subterránea, que dará continuidade á rede existente, así como os correspondentes pozos e sumidoiros.
O departamento que dirixe Ethel Vázquez continúa traballando na mellora da rede viaria autonómica para proporcionarlles aos cidadáns unhas estradas cómodas e seguras