A Xunta adxudica a construción dunha senda peonil na estrada OU-404 en Barral, en Castrelo de Miño, co fin de reforzar a seguridade viaria na contorna

Santiago de Compostela, 15 de agosto de 2025

A Xunta vén de adxudicar por un importe de preto de 50.000 € as obras de construción dunha senda peonil na estrada OU-404 en Barral, no concello de Castrelo de Miño.

Os traballos, adxudicados á empresa Construcciones Manuel Viso e Hijos S.L., comezarán nas vindeiras semanas.

Trátase do acondicionamento como senda-cuneta do espazo dispoñible na marxe dereita da estrada, entre os puntos quilométricos 31+490 e 31+780.

O obxectivo é mellorar a seguridade peonil entre do núcleo de Barral e a intersección coa estrada OU-402. Para isto, a senda conectará as beirarrúas existentes no cruzamento coa beirarrúa próxima á igrexa de Nosa Señora das Neves de Barral.

O tramo comeza conectando coa beirarrúa existente uns 9 metros antes do acceso á igrexa, salva a entrada ao santuario e continúa sen interrupción ata o final da vía.

Nas frontes de casas e accesos a leiras, a inclinación dos noiros modificarase para permitir que os vehículos pasen este treito con comodidade.

No marco desta intervención, tamén se disporán arquetas-sumidoiros e un novo colector de pluviais.