A Xunta adxudica as obras de conservación do paso inferior peonil da estrada autonómica PO-308 en Combarro, no concello de Poio

Santiago de Compostela, 25 de febreiro de 2023 A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade adxudicou as obras de conservación do paso inferior peonil baixo a estrada autonómica PO-308, en Combarro, no concello de Poio.

A Xunta vai actuar no paso inferior situado no punto quilométrico 6+160 da PO-308, co obxectivo de reparar as deficiencias detectadas, derivadas da exposición ao ambiente mariño, reforzando e mellorando a estrutura de formigón.

 

As obras, adxudicadas á empresa Ehisa Construcciones y Obras S.A. por preto de 50.000 euros, comezaranse nas vindeiras semanas.

 

Trátase de actuar nunha estrutura na que se acometeron varias ampliacións, polo que se poden diferenciar tres tipoloxías de estruturas diferentes.

 

O primeiro tramo, o máis recente e o menos exposto ao ambiente mariño, ten unha lonxitude duns 6 metros, está formado por elementos verticais e horizontais de formigón. Neste caso realizaranse reparacións menores, ante o seu bo estado xeral.

 

No segundo tramo, dunha lonxitude de 13 metros, as paredes son de sillería con rexuntado de morteiro de cemento, e o forxado é de formigón sobre viguetas metálicas. As actuacións aquí consistirán en realizar un tratamento anticorrosivo das viguetas do dintel.

 

O terceiro tramo, dunha lonxitude de 11 metros, está composto por paredes e lousa superior de formigón armado. Por este tramo pasan diferentes servizos, de auga e de subministración eléctrica, sendo o tramo de maior exposición ao ambiente mariño, e polo tanto, o que require unha intervención maior.

 

En conxunto, as obras que se executarán abarcarán dous tipos de actuacións.

 

En primeiro lugar, acometeranse actuación de reparación e reforzo para restituír a estrutura ao seu estado inicial: limpeza xeral con chorro de area, saneado xeral da zona con medios mecánicos de baixa potencia, limpeza e pasivación de todas as armaduras vistas, e aplicación dun morteiro de altas prestacións mecánicas.

 

No segundo tramo, tras a limpeza dos elementos metálicos, aplicarase un sistema de pintura cunha protección de alta durabilidade.

 

No último tramo, apearanse as conducións de servizos, reforzarase a estrutura con morteiro proxectado armado con mallazo, creando unha capa adicional de 5 centímetros e unificarase o acabado co existente.

 

Ademais, para aumentar a durabilidade da estrutura e conseguir unha maior protección da mesma, aplicaranse dous tratamentos de superficie, que se realizarán sobre o formigón tratado: un inhibidor de corrosión e unha pintura anticarbonatación.

 

A Xunta segue dedicando un enorme esforzo orzamentario á conservación e mellora da rede viaria autonómica, á que vén destinando máis de 50 M€ cada ano, reforzando os programas de inspección e control, tanto das pontes e obras de paso, como a través de medidas como o Plan de reforzos de firme, para garantir as boas condicións nas vías de titularidade autonómica.