Santiago de Compostela, 1 de decembro de 2023
A Xunta vén de adxudicar por 1.005.086 euros a execución das obras da nova senda na estrada autonómica PO-546 no treito urbano de Marín.
Esta intervención, adxudicada á empresa Oresa Construcción y Servicios Globales, S.L., enmárcase no proxecto de transformación que se está a acometer nesta vía, como a obra xa executada de humanización da rúa Concepción Arenal, entre a rotonda das Anclas e rúa Real de Cantodarea.
Coa obra obxecto deste novo contrato darase continuidade e completaranse os treitos xa humanizados da antiga travesía da PO-546.
Deste xeito, a empresa adxudicataria actuará en tres treitos urbanos de Marín: 129 metros da beirarrúa da rúa Concepción Arenal, entre as rúas da Estrada e da Roda; 360 metros da rúa Concepción Arenal, entre a rúa da Estrada e a rotonda das Áncoras; e 204 metros da rúa da Ponte, é dicir, en toda a súa lonxitude.
Os traballos consistirán na execución de beirarrúas cun mínimo de 2 metros de ancho, sempre que sexa posible, no fresado e reposición de firmes e na execución de pasos de peóns sobreelevados. Nos pasos de peóns e nos extremos executaranse vaos peonís con pavimento podotáctil co fin de facilitar a accesibilidade.
A actuación obxecto deste contrato tamén inclúe a disposición de novo alumeado e a reposición da sinalización e balizamento, así como a colocación de novos sumidoiros e a reposición dos servizos afectados.
Esta intervención forma parte dos proxectos impulsados pola Xunta ao abeiro dos fondos europeos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia Next Generation UE no impulso da transformación da mobilidade nas contornas urbanas.