Santiago de Compostela, 2 de xuño de 2023 A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de adxudicar por 2,3 M€ as obras de mellora do firme en 3 estradas autonómicas na área da Coruña.
Os traballos, adxudicados á empresa Construcciones Leonordo Miguélez S.L., comezarán na primeira quincena de xullo, cun prazo de execución de 6 meses.
O obxectivo é rehabilitar o firme en varios treitos das estradas autonómicas AC-231, AC-400 e AC-552, que discorren polos concellos de Curtis, Sobrado, Aranga, Cambre, Culleredo, Cerceda, A Coruña, Arteixo, A Laracha e Carballo.
Os traballos consistirán en realizar fresados localizados nos treitos de actuación e na reposición con mestura bituminosa en quente, segundo as necesidades concretas das vías obxecto destas intervencións.
As intervencións completaranse co pintado da sinalización horizontal dos treitos de actuación de todas as estradas e os treitos de barreira de seguridade que sexa preciso.