Santiago de Compostela, 25 de agosto de 2024
A Xunta vén de adxudicar por máis de 381.500 euros as obras de conexión da ponte internacional coa PO-510, en Salvaterra de Miño.
A intervención, adxudicada á empresa Construcións Obras e Viais, S.A. (Covsa), permitirá acondicionar un tramo de algo máis de 350 metros de lonxitude, no treito que vai da rúa Rosalía de Castro ata a rúa Fontoura.
Esta actuación permitirá levar a cabo unha mellora das beirarrúas, a rede de saneamento e o alumeado público.
A previsión da Xunta é comezar as obras a finais do mes de setembro, co obxectivo de non entorpecer o tráfico nos accesos de ida e volta na ponte, e terán un prazo de execución aproximado de seis meses.
No detalle, a actuación leva aparellada a pavimentación dos viarios, cunha mellora do firme que inclúe unha capa de regularización; e a construción das beirarrúas, unificando os seus anchos e mellorando e unificando o deseño dos accesos aos garaxes.
Tamén se levará a cabo a construción de sumidoiros e rede de alumeado, así como a sinalización horizontal da estrada.
O departamento que dirixe María Martínez Allegue continúa traballando para dispoñer de estradas e rúas máis seguras, accesibles e funcionais neste municipio e así avanzar na ordenación da rede viaria autonómica, que ten a singularidade de canalizar a conexión con Portugal.