A Xunta adxudica por 4 M€ o servizo de inspección e redacción de proxectos de conservación de estruturas e obras de paso das estradas autonómicas nos vindeiros 4 anos

Santiago de Compostela, 21 de setembro de 2025

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, a través da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), vén de adxudicar por un importe de 4.050.628 euros o contrato para realización de inventarios, inspeccións, proxectos, memorias técnicas e informes de conservación das obras de paso da rede de estradas da Xunta de Galicia.

Este contrato, adxudicado á empresa UTE Temha, S.L. - Applus Norcontrol, S.L.U.- K2 Estudio de Ingenieria, S.L.  ten así por obxecto a elaboración de inventarios, inspeccións principais, inspeccións especiais, proxectos, memorias e informes de conservación de obras de paso existentes na rede de estradas autonómicas. O contrato asinarase no vindeiro mes de outubro e conta cun prazo de 4 anos.

Novo contrato de inspección

Este novo contrato de inspección prevé a inspección de todas as obras de paso iguais ou superiores aos 3 metros, é dicir, pontes, viadutos, pontóns, sumidoiros, pasarelas e pasos inferiores peonís que formen parte de estradas autonómicas.

Este plan abrangue, en primeiro lugar, as inspeccións rutineiras realizadas polo Servizo de Conservación da AXI. Estas tarefas de control lévanse a cabo unha vez ao ano ou cada dous anos.

Ademais, o contrato contempla inspeccións especiais, que se realizan con medios auxiliares para caracterizar a estrutura, tanto desde o punto de vista xeométrico como resistente. Neste sentido, adoitan incluír inspeccións subacuáticas, topografía, sondaxes ou ensaios de caracterización resistente.

A partir destas campañas de inspeccións a Xunta realiza actuacións de reparación inmediatas ou estudos especiais que permitan avaliar con maior claridade as distintas intervencións necesarias.

Para as actuacións que o precisen, redactaranse proxectos de construción destinados á súa execución polos medios da conservación de estradas, ou ben para a licitación de obras se a súa envergadura o fai necesario.

Este contrato dálle continuidade ao levado a cabo entre 2019 e 2024, que permitiu a realización de 1.634 inspeccións principais. Os novos programas permitirán ampliar os obxectivos dos anteriores, pois ademais de inspeccións principais, inclúen xa a realización de inspeccións especiais e a redacción de proxectos.

A Xunta segue traballando no obxectivo de preservar a seguridade dos usuarios das infraestruturas viarias e alongar a vida útil destas mediante actuacións de conservación preventiva.