Santiago de Compostela, 30 de xuño de 2023 A Xunta adxudicou por un importe de 435.048 euros a execución das obras da nova rotonda na intersección da estrada autonómica OU-540, no seu punto quilométrico 4.2 coa autovía A-52, no concello de Barbadás.
Esta intervención de mellora da seguridade viaria, adxudicada á empresa Misturas Obras e Proxectos S.A., conta cun prazo de execución de 4 meses. A Xunta traballa coa previsión de iniciar a finais de xullo os traballos.
Mediante este contrato actuarase na actual intersección en “T” da vía da Xunta co ramal de acceso á autovía das Rías Baixas, que xa está funcionando de maneira provisional como glorieta, acadándose unha mellora importante na seguridade viaria nesta contorna.
As obras para consolidar e executar a nova glorieta consisten na transformación da actual intersección en “T” situada no quilómetro 4+200 da OU-540, nunha glorieta, que se complementará coa renovación da capa de rodaxe e as marcas viarias entre os quilómetros 2+995 e o 4+750.
Nas obras adxudicadas inclúese tamén a adecuación da sinalización horizontal e vertical á nova solución, e a transformación de varias gabias profundas en gabias de seguridade, para poder retirar os sistemas de contención existentes neses tramos.
Estas actuacións non implican a realización de expropiación algunha, xa que todas as obras están incluídas dentro da franxa de dominio público.