Santiago de Compostela, 23 de febreiro de 2023 A Xunta adxudicou por 519.982 euros as obras para executar a nova vía de conexión coa aldea de Fafián, que constitúen o primeiro paso para facer realidade a Variante de Ribeira.
A actuación foi adxudicada á empresa Construcciones Ponciano Nieto S.L. A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade prevé poder iniciar as obras a finais de marzo, tendo en conta que o levantamento das actas de ocupación das expropiacións está xa fixado para hoxe e mañá, entre as 10 e as 13 horas, na praza de Abastos de Ribeira.
O obxectivo da Xunta é que na primavera de 2024 os veciños dispoñan dun pequeno treito de 220 metros que forma parte da Variante de Ribeira. Os traballos contan cun prazo de execución de 12 meses.
No que se refire ás características técnicas da nova vía, trátase dunha conexión entre a estrada provincial DP-7305, que conecta Ribeira con Aguiño a través de Carreira, e a aldea de Fafián.
A nova vía terá 220 metros de lonxitude, comezando na conexión coa estrada da deputación mediante a execución dunha glorieta de 34 metros de diámetro e finalizando en Fafián, cunha intersección en “T”.
Esta vía de novo trazado disporá de 2 carrís de 3,5 metros de ancho e beirarrúas de 2,10 metros. As beirarrúas na marxe da estrada garantirán un itinerario peonil continuo e seguro para o tránsito dos veciños.
Como intervencións complementarias, procederase á reposición do firme dos viarios urbanos afectados; e á reposición dos camiños de servizo, executando dous pequenos treitos para garantir o acceso ás leiras.
Ese pequeno tramo de 220 metros de nova vía permitirá captar un tráfico estimado de case 4.300 vehículos, o 3,4% de vehículos pesados.
Esta actuación correspóndese coa parte inicial do 3º treito da Variante de Ribeira, cuxo proxecto de trazado completo xa se aprobou o pasado mes de agosto, e a resolución da aprobación do expediente de información pública, do proxecto de trazado e do estudo de impacto ambiental foi publicado o pasado mes de outubro.
Supón, desde xeito, o primeiro paso para facer realidade a Variante de Ribeira, que suporá un investimento autonómico conxunto de 10,3 M€.
Os Orzamentos da Xunta deste ano reservan 1,5 M€ para avanzar nas expropiacións e no proxecto construtivo e licitación das obras da 1ª fase, entre a AC-550 e a avenida da Constitución, e con partidas plurianuais ata 2025 que acadan os 6,5 M€.