A Xunta adxudica por 71.600 euros a redacción do proxecto de expropiación para a ampliar o polígono empresarial de Bértoa en Carballo

Santiago de Compostela, 20 de abril de 2025

A Xunta vai destinar 71.607 euros á redacción do proxecto de expropiación e de apoio técnico para a execución da expropiación dos terreos, bens e dereitos necesarios para a ampliación (fase II) do parque empresarial de Bértoa en Carballo.

O contrato, foi adxudicado no último Consello de Administración da sociedade Xestión do Solo de Galicia (Xestur), dependente da Consellería de Economía e Industria, á empresa Calixto Escariz e contará cun prazo de execución de 18 meses.

Deste xeito, o Goberno galego avanza nun dos plans industriais máis importantes da provincia que permitirá á comarca de Bergantiños incorporar nesta fase 629.588 m2 para a atracción de novas industrias e a xeración de riqueza e emprego na zona. Na actualidade, o parque empresarial conta cunha superficie total de 1.236.327 m2.

Cómpre lembrar que, paralelamente -e para acurtar prazos-, a Xunta traballa no proxecto de urbanización e parcelamento da ampliación do polígono, cuxo contrato foi adxudicado a pasada semana; e tamén no Plan estruturante de ordenación do solo empresarial (PEOSE), que está moi avanzado e que podería aprobarse no verán.

Superados estes trámites, o Goberno galego agarda poder sacar a licitación as obras de construción a finais do ano 2026, uns traballos para os que a Administración Autonómica ten reservados 18 millóns de euros.

Esta actuación complementa a outros desenvolvementos urbanísticos de solo industrial que a Xunta está a promover na provincia de A Coruña, como son as obras de urbanización (Fase C) do parque empresarial de Morás, en Arteixo; o parque empresarial de Coristanco; os parques empresarias de Santa Comba e a ampliación do parque empresarial de A Sionlla, en Santiago de Compostela, ou o parque empresarial de Cabana de Bergantiños.