Santiago de Compostela, 8 de xullo de 2022
A Xunta adxudicou por case 446.000 euros as obras de conservación da Ponte Ceilán, na estrada AC-550 ao seu paso polos concellos de Noia e de Outes.
A intervención, adxudicada á empresa Díez y Compañía S.A, conta cun prazo de execución de 6 meses.
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade actuará nesta ponte, situada no punto quilométrico 69 da vía autonómica que une os municipios de Noia e de Outes, co fin de aumentar a seguridade dos peóns mediante a substitución da varanda por unha nova.
A varanda virá xa fabricada e pintada do taller en tramos de 6 metros co fin de proceder á súa instalación de xeito rápido.
Antes do desmonte da varanda actual, realizarase unha limpeza dos restos vexetais nos bordos exteriores das beirarrúas do taboleiro e na cara horizontal da imposta. Esta acción é necesaria para a correcta execución dos traballos posteriores.
Ademais, procederase á optimización da eficiencia enerxética da ponte mediante a substitución da iluminación existente por outra con tecnoloxía LED.
A Xunta continúa mellorando a rede viaria autonómica co fin de proporcionar unhas estradas seguras e eficientes aos cidadáns.