A Xunta adxudica por máis de 1,3 M€ as obras da nova senda entre Oleiros e Leirado, en Salvaterra de Miño

Santiago de Compostela, 21 de outubro de 2022 A Xunta vén de adxudicar por máis de 1,3 millóns de euros as obras da nova senda na estrada PO-402 entre Oleiros e Leirado, en Salvaterra de Miño.

A intervención, adxudicada á empresa Narom S.L., comezará en novembro, cun prazo de execución de 12 meses.

O obxectivo da actuación é mellorar a mobilidade a pé e o reforzo da seguridade, especialmente dos usuarios máis vulnerables das estradas, peóns e ciclistas.

Trátase dun itinerario mixto, fundamentalmente de uso peonil, que dará continuidade aos treitos de senda xa executados a través de distintas actuacións levadas a cabo nos últimos anos.

Actuarase en 4,6 km de estrada, coincidindo cos treitos con vivendas que se atopan entre as parroquias de Oleiros e de Leirado, e mellorando o acceso a zonas de equipamentos como a igrexa e establecementos hostaleiros e de alimentación.

Para fomentar os desprazamentos a pé dos veciños, disporanse 3 pasos de peóns con iluminación específica, un deles sobreelevado, para mellora da mobilidade e unha mellor accesibilidade á nova senda. Xunto con isto, e coa finalidade de facilitar o acceso ao transporte público, acometeranse 4 marquesiñas, renovando as actuais. 

Ademais aproveitaranse os traballos para mellorar o trazado dunha curva con radio reducido, no quilómetro 4+900, sen necesidade de expropiacións.

A actuación completa outras obras de mellora da mobilidade peonil executadas con anterioridade para unir Oleiros con Salvaterra a través da PO-400 e da PO-402.

A intervención conta con financiamento comunitario dos fondos REACT-EU, de resposta da Unión Europea fronte á pandemia da covid-19.