Santiago de Compostela, 23 de abril de 2022 A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade adxudicou por 1.513.631 euros as obras para executar 3 sendas nas estradas OU-105, OU-536 e na avenida de Ponferrada, no concello de Ourense.
Trátase dunha nova intervención da Xunta de mellora da mobilidade no municipio ourensá, con actuacións na Rabaza, en Ponte Sevilla e na avenida de Ponferrada. Habilitaranse máis de 3,5 km de sendas, de uso compartido, peonil e ciclista, de ancho variable, pero cun mínimo de 1,80 metros para garantir unha boa accesibilidade.
As obras, adxudicadas á empresa Construcciones y Obras Taboada Ramos S.L.U., iniciaranse nesta primavera, co obxectivo de telas rematadas a finais deste mesmo ano ou comezos do próximo, ao ter un prazo de execución de 6 meses.
O contrato desta nova actuación, que no seu conxunto suporá un investimento de 1,8 M€, permitirá actuar na marxe dereita da estrada autonómica OU-105, executando un itinerario de algo máis de 800 metros na zona de Ponte Sevilla, fronte ao concesionario que hai xunto á glorieta e ata o punto onde se atopa a parada de bus próxima ao tanatorio. Ao comezo do itinerario, na marxe dereita, existe un treito de beirarrúa, de xeito que coa nova senda darase continuidade peonil ata acadar o desvío ao tanatorio As Burgas.
O desvío ao tanatorio será o punto final da senda, que terá continuidade nas obras que está a executar a Xunta en Seixalbo, no marco da 2ª fase de mellora da seguridade viaria na que se está a investir case 1 M€ e que pronto estará rematada.
Tamén se executará un novo itinerario de case 1,5 km na estrada que vai a Trives, na estrada OU-536, na Rabaza, neste caso pola marxe esquerda da vía. A senda partirá do paso de peóns no cruzamento co camiño de Souto Sanín, seguirá pola esquerda e desviarase polo terraplén cara á rúa B, continuando ata acadar a intersección coa OU-536 (no quilómetro 2+400).
A terceira das sendas executarase, tamén pola marxe esquerda, na avenida de Ponferrada. Será un itinerario de 1,1 km, desde a avenida de Buenos Aires ata a glorieta que hai no quilómetro 1+950 da estrada OU-536 na Rabaza.
As sendas irán separadas da vía por distintos elementos, en función das necesidades: gabia revestida e con peitoril de seguridade, franxa de vexetación, bordo prefabricado ou combinación destes elementos. Ademais executaranse muros de sostemento en distintos puntos das 3 estradas nos treitos onde se executan os novos itinerarios.
Tamén se ampliará a plataforma da estrada OU-536, cunha estrutura en voadizo ancorada ao muro existente no quilómetro 1+765; melloraranse os sistemas de drenaxe; e deixarase disposta a preinstalación de canalizacións e servizos, ademais de sinalización e a colocación de varandas e sistemas de contención.
As actuacións están cofinanciadas con fondos europeos do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.