A Xunta adxudica por máis de 225.000 € as obras da nova senda na estrada autonómica AC-524 en Frades

Santiago de Compostela, 25 de febreiro de 2023 A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade adxudicou por 225.945 euros a execución das obras da nova senda na estrada AC-524 no concello de Frades.

 

Trátase dun itinerario que lle permitirá aos veciños facer os seus desprazamentos cotiás entre os núcleos de poboación de Pibideira, O Pazo e Sobre dos Campos,  e continuar logo pola senda actual da travesía da Abellá, de forma cómoda, segura e saudable.

 

Os traballos, adxudicados á empresa Cosmalca S.L., comezarán a finais de marzo e terán un prazo de execución de 4 meses, co fin de que no verán os veciños de Frades poidan desfrutar desta nova senda peonil.

 

O novo itinerario que se executará terá 770 metros de lonxitude e permitirá a conexión do núcleo rural de Pibideira cos do Pazo e Sobre dos Campos. A nova senda desenvolverase pola marxe esquerda da estrada, dando continuidade á xa existente na travesía de Abellá.

 

Nas zonas de cruce con outras vías empregarase pavimento podotáctil, de cor e textura diferente, que advertirá da proximidade a ese cruzamento de vías. Nos pasos de peóns, colocarase tamén pavimento podotáctil, indicativo para facilitar o tránsito das persoas con problemas de visión.

 

Como obras complementarias á execución da propia senda realizaranse traballos de drenaxe das augas pluviais; a preinstalación para o alumeado público; e a reposición dos servizos e sinais que se vexan afectados na intervención.  

 

A actuación do departamento de Infraestruturas da Xunta conta con financiamento da Unión Europea dos fondos REACT EU de resposta contra a pandemia.

A nova senda en Frades enmárcase na aposta da Xunta pola mobilidade segura, menos contaminante e máis beneficiosa para a saúde, que xa ten permitido poñer á disposición dos galegos máis de 200 km de sendas grazas a un investimento autonómico superior aos 50 M€.