Santiago de Compostela, 14 de xullo de 2024
A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas vén de adxudicar por 2.347.449 euros a execución das obras de reforzo do firme nas estradas PO-206 e PO-905 ao paso polos concellos de Lalín e de Vila de Cruces.
Estas intervencións, adxudicadas á empresa Construcciones y Obras Taboada Ramos S.L.U., consistirán na renovación do firme da calzada nalgúns dos treitos da PO-206, entre os puntos quilométricos 0 e 16+310; e na estrada PO-905 entre os quilómetros 0 e 4+500, mellorando as súas características actuais.
Os traballos obxecto deste contrato contan cun prazo de execución de 9 meses e a lonxitude total da actuación rolda os 21 quilómetros. O obxectivo da Xunta é iniciar as obras no vindeiro mes de agosto.
En concreto, as obras previstas na PO-206 abarcan o treito inicial da vía no treito de algo máis de 16,3 quilómetros no seu percorrido polo municipio de Lalín, ata o quilómetro 13+420. Neste punto comezan as intervencións no treito de preto de 3 quilómetros da estrada ao seu paso polo concello de Vila de Cruces.
No caso da intervención na PO-905, os traballos céntranse no tramo inicial desta estrada, de 4,5 quilómetros, que atravesa o concello de Vila de Cruces.
As obras consistirán na reparación do firme mediante fresado e reposición das zonas localizadas que se atopen deterioradas e a aplicación dunha nova capa de rodaxe ou microaglomerado nalgúns treitos nos que sexa preciso.
Como complemento a estes traballos, reporanse as marcas viarias, símbolos e cebreados en todo o treito das actuacións na PO-206 e na PO-905 e procederase á colocación de elementos de balizamento e reposición de captafaros.
O departamento que dirixe María Martínez Allegue segue a traballar para manter as vías de titularidade da Xunta nas mellores condicións e para garantir a seguridade viaria aos usuarios, destinando este vindeiro ano 53 M€ á súa conservación.