Santiago de Compostela, 15 de xuño de 2023 A Xunta adxudicou por 306.678 euros as obras de construción dunha nova senda peonil na estrada LU-617, en Toiriz, no concello de Pantón.
Esta intervención, adxudicada á empresa Transformaciones Agrarias Isidro Hermanos Blanco Trigo, S.L., conta cun prazo de execución de 6 meses. A Xunta traballa coa previsión de iniciar no mes de xullo os traballos.
Habilitarase unha nova senda de 530 metros a ambos os lados da LU-617, ao seu paso polo núcleo de Toiriz. Deste xeito, completarase o itinerario existente nesta vía autonómica, dotando a parroquia dun itinerario peonil continuo de 850 metros de lonxitude.
Para a execución da senda demoleranse, primeiro, as cunetas, soleiras existentes e demais pavimentos. Despois disporase o novo itinerario en saburra artificial e formigón bituminoso.
Nas obras contratadas prevese tamén a construción de 2 muros de contención con bloques de granito, que disporán de varandas de protección. Tamén se disporá balizamento e defensas.
A intervención completarase, ademais, coa colocación de canal de desaugue e sumidoiros, conectados a unha nova canalización para garantir a correcta recollida das augas pluviais.