A Xunta adxudica por máis de 340.000 euros as obras dunha glorieta na estrada AC-862 coa AC-115 en Xuvia, no concello de Neda

Santiago de Compostela, 21 de xuño de 2025

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas adxudicou por un importe de 341.500 euros as obras de execución dunha glorieta na estrada da AC-862 coa AC-115 en Xuvia, no concello de Neda.

Este contrato, adxudicado á empresa José No Mantiñán e Hijos Construcciones, asinarase nos vindeiros días, co obxectivo de comezar as obras entre finais de xullo e principios de agosto.

A Xunta prevé ter executadas as obras para finais de este ano, ao contar cun prazo de execución de 5 meses e ter realizados os actos expropiatorios necesarios para executar as obras.

O obxectivo da actuación é incrementar a fluidez do tráfico na intersección entre a vía autonómica AC-862 e a AC-115, en Neda, actualmente regulada por semáforos.

Trátase da execución dunha nova glorieta á altura do punto quilométrico 7+280 da estrada AC-862, que terá unha circunferencia de radio 16 metros no anel exterior da calzada, e 8 metros de diámetro no anel interior e permitirá regular a intersección actual dun modo máis funcional e seguro, contribuíndo á redución da velocidade nesa contorna.

A actuación incluirá a continuación dunha beirarrúa accesible ao longo da AC-862, cara á marxe esquerda da estrada autonómica. 

A intervención completarase coa obra dunha nova beirarrúa dun ancho mínimo de 1.80 metros, xunto coa conformación dunha zona verde no entroncamento do camiño municipal.