A Xunta adxudica por máis de 490.000 euros as obras da nova senda entre o Peteiro e o Baño, no concello de Mugardos

Santiago de Compostela, 20 de febreiro de 2023 A Xunta adxudicou por 492.428 euros as obras da nova senda entre O Peteiro e O Baño, no concello de Mugardos.

Esta intervención da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade na estrada AC-131, ten como obxectivo mellorar a seguridade viaria nesta vía, ademais de contribuír a potenciar e poñer valor unha contorna de gran valor natural e de interese turístico, como é a praia da Bestarruza, a baía do Baño e o Castelo da Palma.

 

As actuacións, adxudicadas á empresa Canarga, S. L.,  prevén iniciarse na segunda quincena de marzo, tendo en conta que o levantamento das actas de ocupación das expropiacións está xa fixado para o vindeiro 14 de marzo. Os traballos contan cun prazo de execución de 4 meses e o obxectivo é poder telos rematados no verán.

 

Mediante este contrato, a nova intervención da Xunta no municipio coruñés centrarase en habilitar case 600 metros de senda pola marxe dereita da estrada autonómica AC-131, desde onde finalizan as beirarrúas actuais ata a vía urbana de acceso ao Baño.

 

A senda terá un ancho de 2,5 metros, agás nos seus primeiros metros que será máis estreita, con 1,25 metros, para salvar os peches existentes.

 

O itinerario deseñouse prevendo a máxima integración e o respecto ás propiedades e aos valores ambientais. Por iso, aínda que transcorre paralelo á vía, desviarase nalgún punto para non afectar ás árbores da contorna, dixo.

 

Tamén se executarán varios muros de mampostería para evitar a afección a unha vivenda e para reducir a altura do terraplén que presenta o terreo.

 

Esta intervención aproveitarase, ademais, para habilitar unha pequena zona de esparcemento, con mobiliario urbano, que sirva para o descanso e o desfrute dos veciños. Xunto con isto, executaranse traballos complementarios: drenaxe, alumeado, reposición de accesos ou restauración paisaxística.

 

As obras obxecto do contrato adxudicado inclúen, coas achegas recibidas tras someter a información pública o proxecto, axustes no trazado da nova senda para mellorar a conexión cos itinerarios que xa hai: así, no inicio do treito ampliarase a beirarrúa actual ocupando parte da beiravía da estrada e tamén se ampliará a senda para que a chegada ao paso de peóns da rúa Rosalía de Castro sexa accesible.

 

A nova senda conta con fondos FEDER-REACT-UE como parte da resposta da Unión á pandemia da COVID-19 dentro do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.

 

Este novo investimento da Xunta en Mugardos enmárcase na liña de traballo impulsada pola Xunta para poñer ao servizo dos galegos itinerarios peonís que faciliten os movementos do día a día de xeito cómodo e seguro, e cun maior respecto á contorna, evitando o uso do vehículo particular nos desprazamentos máis curtos.

 

Esta aposta da Xunta permitiu executar na última década máis de 200 quilómetros de sendas peonís cun investimento de 50 M€. Entre elas, a senda de case 4 km entre Mugardos e Ares, na AC-130, que supuxo un investimento autonómico de 1,5M€; ou o itinerario entre Franza e Rilo, con 1,3 km e case 500.00€, recentemente rematado.