Santiago de Compostela, 19 de maio de 2022.- A Xunta adxudicou por máis de 595.000 euros a execución das obras dunha senda na estrada autonómica AC-301, no concello de Rois.
Tratase de construír un itinerario nesta vía autonómica, de 820 metros de lonxitude, un ancho mínimo de 1,8 metros e pavimento de formigón en cor.
As obras, adxudicadas á empresa Construcciones Leonardo Miguelez, S.L., prevén o seu comezo na segunda quincena de xuño e contan cun prazo de execución de 8 meses.
Segundo o proxecto redactado pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a senda iniciarase na contorna das naves do polígono industrial, discorrendo pola marxe esquerda da antiga estrada AC-299 e continuando pola marxe dereita da estrada AC-301.
No cruce entre estas dúas estradas, materializada mediante unha glorieta situada á altura do punto quilométrico 2+250 da AC-301, a senda discorrerá polo bordo oeste, aproveitando a berma existente no muro do estribo do viaduto da liña ferrocarril de alta velocidade A Coruña–Vigo.
O itinerario irá pola marxe da estrada en todo o percorrido e separado da calzada por un bordo de 10 centímetros sobre o pavimento da plataforma, agás no treito de intersección da estrada AC-301 coa antiga AC-299.
Ademais, na zona do punto quilométrico 2+450 mellorarase o trazado actual do tronco aumentando os radios de curvatura e repoñerase o camiño de servizo. No punto 2+520 reconstruirase a intersección na marxe dereita, mantendo a tipoloxía de semiglorieta.
O departamento que dirixe Ethel Vázquez continúa traballando na dotación de sendas nas estradas autonómicas para favorecer os desprazamentos dos cidadáns a pé ou en bicicleta dun xeito máis cómodo e seguro co fin de fomentar a mobilidade sustentable.