A Xunta adxudica por máis de 685.00 euros a execución da mellora da seguridade da estrada PO-531 na parroquia de Campañó, en Pontevedra

Santiago de Compostela, 8 de outubro de 2024

A Xunta adxudicou por 687.504 euros a execución das obras de mellora de seguridade da estrada PO-531 ao paso pola parroquia de Campañó, en Pontevedra.

Esta intervención, adxudicada á empresa Construcións Obras e Viais, S.A. (COVSA), desenvolveranse no treito desta vía autonómica entre o cruce coa estrada PO-310 e o cruce coa variante norte de Poio (VG-4.8) co obxectivo de contribuír á mellora de seguridade, especialmente para os peóns.

O contrato asinarase nos vindeiros días e as obras iniciarase, previsiblemente, a mediados do mes de  novembro, sempre que as condicións meteorolóxicas o permitan.  Os traballos contan cun prazo de execución de 8 meses.

Trátase dun conxunto de actuacións deseñadas para mellorar a mobilidade na parroquia de Campañó, contribuíndo a unha convivencia harmónica entre os desprazamentos dos peóns e a circulación dos vehículos.

Por unha parte, reforzarase a seguridade dos peóns e executaranse sendas peonís en ambas as marxes da estrada PO-531, entre a nova glorieta e a rotonda da VG-4.8.

Por outra parte, transformarase en glorieta a intersección en “T” situada no quilómetro 3+200 desta vía, na súa conexión coa estrada PO-310. Acometerase unha rotonda cun diámetro exterior de 30 metros e un diámetro interior de 8, con dous carrís e dúas beiravías.

Ademais, procederase ao acondicionamento da intersección na marxe esquerda no punto quilométrico 3+450, de acceso ao colexio CEIP Campañó. Tamén se habilitarán neste punto dúas zonas de aparcadoiro, nas proximidades da estrada PO-531.

Para acadar un proxecto integral tamén se acondicionarán as paradas de autobús existentes, incluíndo a instalación de refuxios.