A Xunta adxudica por máis de 7,2 M€ o contrato para a conservación e o mantemento das autoestradas autonómicas AG-53 e AG-54 nos vindeiros 4 anos

Santiago de Compostela, 19 de agosto de 2025

A Xunta adxudicou por un importe de 7.290.527 euros, o contrato de conservación e mantemento das autoestradas Dozón-Ourense (AG-53) e do seu ramal cara ao Carballiño (AG-54) para os vindeiros 4 anos.

Esta intervención, adxudicada á UTE. CIVIS GLOBAL - COVSA, inclúe as tarefas de conservación ordinaria e de vialidade invernal nestas vías de alta capacidade de titularidade autonómica.

Os traballos a realizar polo adxudicatario contemplan tarefas de vialidade destinadas a facilitar a circulación dos vehículos nesta vía en condicións axeitadas de seguridade e fluidez.

O contrato tamén abrangue as actividades de conservación ordinaria dirixidas a manter en boas condicións as características funcionais ou estruturais dos elementos da estrada e a corrixir os impactos negativos que poidan dificultar a correcta realización da súa función.

Ademais, a empresa adxudicataria deberá realizar as actividades de conservación extraordinaria destinadas a pór en situación inicial as características dos elementos da estrada, ou no seu caso, a mellorar os estándares iniciais.

Cómpre destacar entre as actividades de conservación extraordinaria que está previsto realizar neste novo contrato, a renovación de cerramento das vías, que se fará segundo necesidade, tras unha revisión exhaustiva do estado da actual.

Ademais, está previsto renovar a planta de fabricación de salmoira, a instalación dun novo silo para vialidade invernal no Alto de San Martiño, a instalación dun novo silo para sal para vialidade invernal, e a realización de revisións exhaustivas e reparacións, ou substitucións, de pantallas acústicas, de pantalla antivandálicas e dos marcos de delimitación da zona de dominio público, segundo se detecten deficiencias.