A Xunta adxudica por máis de 790.000 € as obras de execución do aparcadoiro disuasorio na estrada autonómica PO-551 en Domaio, no concello de Moaña

Santiago de Compostela, 29 de maio de 2023 A Xunta adxudicou por un importe de 791.269 euros as obras de execución do aparcadoiro disuasorio para o fomento do vehículo compartido, asociado á implantación de zonas de baixas emisións na estrada autonómica PO-551, en Domaio, no concello de Moaña

O contrato, adxudicado á empresa Construcciones, Obras y Viales, S.A., céntrase na construción deste novo aparcadoiro nas proximidades do enlace de Rande, como prolongación do xa existente na marxe dereita da estrada autonómica, no punto quilométrico 33+250. 

A Xunta prevé comezarse en verán as obras deste novo aparcadoiro. Os actos expropiatorios dos predios necesarios para executar as obras están xa convocados. En concreto, o acto de levantamento de actas previas á ocupación está fixado para o vindeiro día 21 de xuño, das 10,00 ás 10,15 horas, na Casa do Concello de Moaña. A formalización das actas de ocupación levarase a cabo o día 20 de setembro, á mesma hora e no mesmo lugar.  

O novo aparcadoiro contará cun total de 75 prazas, 2 delas para vehículos conducidos por persoas con mobilidade reducida, e preinstalación de 3 puntos de recarga para vehículos eléctricos.  

Disporá, ademais, de carrís de circulación interior dun só sentido e unha banda perimetral de itinerario peonil.

A actuación forma parte dos proxectos promovidos pola Xunta ao abeiro dos fondos europeos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia Next Generation UE no impulso da transformación da mobilidade nas contornas urbanas, apostando por desprazamentos máis limpos e sostibles.