Santiago de Compostela, 27 de decembro de 2023
A Xunta vén de adxudicar por 866.667 euros as obras da senda de acceso ao Hospital Clínico Universitario de Santiago desde o novo itinerario entre O Milladoiro e a estación intermodal.
Mediante este contrato, que foi adxudicado á empresa Francisco Gómez y CIA, S.L., habilitarase un itinerario de 1.130 metros que permitirá a circulación de peóns, ciclistas non deportivos e vehículos de mobilidade persoal no eixe Conxo-Hospital Clínico.
Esta senda formará parte do novo itinerario que conectará O Milladoiro, o Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, a intermodal e o complexo administrativo de San Caetano.
Máis en concreto, esta senda de acceso ao Hospital Clínico Universitario de Santiago comezará no antigo túnel de Adif e finalizará na avenida da Liberdade, no barrio de Santa Marta, nas proximidades do centro hospitalario.
Segundo o proxecto deseñado polo departamento de Infraestruturas da Xunta, este itinerario dividirase en tres subtreitos, conectando o primeiro o túnel de Adif e o río Sar; o segundo, ata o aparcadoiro disuasorio de Santa Marta; e o terceiro ata a avenida da Liberdade.
Tras a análise das achegas recibidas durante o trámite de información pública, vaise proceder á segregación do itinerario peonil e ciclista nos treitos nos que sexa viable, como son a conexión directa en baixada desde o itinerario do treito O Milladoiro-estación intermodal, e o treito comprendido entre o quilómetro 0+390 e 0+980.
Adaptarase o trazado na contorna do cruce sobre o río Sar, de xeito que o itinerario tanto peonil como ciclista aproveiten a pontella existente, suprimindo a pasarela prevista no proxecto de trazado sometido a información pública e evitando así a implantación dun novo itinerario na zona inundable deste río.
Atendendo ás suxestións presentadas polo Concello de Santiago, de reducir a ocupación nos ámbitos DM-2 e ZL-5 do Plan Parcial do SUP-6 de Santa Marta, tamén se vai axustar o trazado no treito final, eliminando a franxa verde de separación entre a beirarrúa e o carril bici.
Esta actuación é impulsada ao abeiro do programa europeo dos Fondos Next Generation, co fin de favorecer desprazamentos menos contaminantes nas cidades galegas e nas súas contornas, fomentando a diminución de emisións de gases á atmosfera.