Santiago de Compostela, 10 de agosto de 2022 A Xunta adxudicou por preto de 1 millón de euros as obras de execución das sendas das Vendas e Santa Baia, nos concellos de Esgos e do Pereiro de Aguiar.
A intervención, adxudicada á empresa Oresa Construcción y Servicios Globales, S. L., iniciarase previsiblemente na primeira quincena de setembro, despois dos actos expropiatorios que se realizarán a finais de agosto.
Estes novos itinerarios executaranse pola marxe esquerda da vía autonómica OU-536, e sumarán algo máis de 3 km de lonxitude, ao seu paso polos citados municipios ourensáns.
A actuación prioriza o reforzo da seguridade viaria dos usuarios vulnerables da estrada, especialmente dos peóns, e o fomento da mobilidade sostible, máis respectuosa co medio.
A primeira senda, nas Vendas, iniciarase no límite entre os municipios de Esgos e O Pereiro, no cruce de Ordelles, transcorrendo logo integramente por este concello de Esgos ata rematar no cruce de acceso á Cabalgada. Será un itinerario de preto de 1 km.
A outra senda, a de Santa Baia, discorrerá polo municipio veciño do Pereiro de Aguiar, nun treito de 2 km, desde a glorieta da OU-536, no punto quilométrico 8+800 ata, aproximadamente, o quilómetro 11 da estrada. Neste caso hai un punto onde será necesario reducir os carrís, aos 3 metros de ancho, para encaixar o itinerario sen afectar a un muro que ten protección do patrimonio cultural.
As sendas terán ancho variable, cun mínimo de 2 metro, e pavimento de formigón coloreado, agás nun treito que será en cor natural para unha mellor integración.
Os itinerarios estarán separados da estrada por diferentes elementos: cuneta revestida e con perfil de seguridade; vexetación máis bordo; bordo, ou a combinación destes 3 elementos, para separar o tráfico rodado dos peóns, reforzando a seguridade.
Tamén se executarán cunetas de seguridade e traballos de drenaxe, reposición de servizos afectados, preinstalación de alumeado público, reposición de sinalización.
Instalaranse asemade 4 novas marquesiñas para garantir unha espera máis confortable aos veciños que se desprazan en transporte público.
A intervención está financiada con fondos europeos FEDER do programa operativo 2014-2020 e ten un prazo de execución de 6 meses.
Estes novos itinerarios están incluídos no Plan de sendas de Galicia para a comarca de Ourense, dotado dun investimento de 7,1 M€ para executar 16 km de sendas, e véñense sumar ás 2 sendas licitadas en xaneiro e marzo no concello de Ourense.