Santiago de Compostela, 28 de xullo de 2022
A Xunta adxudicou por preto de 230.000 € a execución das obras para a instalación de 43 novas marquesiñas de transporte público nas marxes da rede de estradas autonómicas das catro provincias.
A Xunta prevé formalizar este contrato nos vindeiros días co fin de proceder á instalación de novos refuxios cun deseño integrado nas contornas rurais que se distribuirán ao longo das vías autonómicas ao seu paso por un total de 32 municipios.
As obras, adxudicadas á empresa Arines Obras y Proyectos, S. L., realizaranse en terreos de dominio público viario, en zonas que contan coas autorizacións pertinentes e co compromiso dos concellos de asumir o seu posterior mantemento. Estímase que o orzamento medio da instalación de cada refuxio sexa duns 4.500 euros.
O contrato para a instalación dos refuxios inclúe a colocación da marquesiña, a execución da soleira cando é necesario e a súa adaptación de pendentes enlazando co pavimento existente, para mellorar a accesibilidade.
Tamén comprende as tarefas de reposición da drenaxe lonxitudinal da estrada, a reposición de accesos cando é necesario, a execución de pequenos muros cando hai desnivel, e o ensanche puntual da beirarrúa cando non se poden cumprir as condicións necesarias de accesibilidade. Tamén se inclúe a colocación do sinal de “BUS”.
A Xunta segue a impulsar a renovación de novas marquesiñas de transporte público, tras formalizarse tamén o servizo para a fabricación e o subministro de 200 dos novos refuxios, cun investimento autonómico de máis de 1 millón de euros.
A medida que se vai dispoñendo dos novos refuxios en fabricación, estes son instalados no marco de diferentes obras de seguridade viaria e, outros están a ser entregados aos concellos para a súa colocación.
O obxectivo é dotar de instalacións axeitadas as paradas das liñas dos servizos de transporte interurbano de viaxeiros por estrada que ofrezan ao usuario unha protección fronte ás inclemencias meteorolóxicas e melloren a comodidade durante a espera.
As marquesiñas contan cun deseño integrado na paisaxe, incluíndo materiais autóctonos como a madeira.
Esta iniciativa da Xunta vénse sumar a unha primeira fase, impulsada en 2018, mediante a que xa se instalaron un total de 152 refuxios, con deseños para ámbitos urbanos ou rurais, en diferentes concellos de Galicia. Nesta primeira fase a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade achegoulles as marquesiñas aos concellos para a súa instalación, asumindo a súa conservación e mantemento.
Estas intervencións enmárcanse no Plan de mellora de refuxios de paradas dos servizos de transporte público que está a impulsar o Goberno galego co obxectivo de fomentar unha imaxe recoñecible das marquesiñas de Galicia.
A Xunta, tras completar o Plan de Transporte Público de Galicia, continúa traballando na modernización dos servizos e das infraestruturas do transporte para responder de xeito eficiente ás necesidades reais dos cidadáns en materia de mobilidade.