Santiago de Compostela, 12 de agosto de 2025
A Xunta vén de adxudicar as obras do segundo tramo da prolongación da autovía AG-59, dende Pontevea, en Teo, ata O Rollo, na Estrada.
Os traballos foron adxudicados á empresa UTE Francisco Gómez y Cía, S.L-Misturas Obras e Proxectos, S.A.-Vázquez y Reino, S.L, por un orzamento de 27.978.978 euros.
Trátase do segundo treito de prolongación da autovía, entre Pontevea e O Rollo, terá 4km de percorrido e discorrerá paralelo á estrada AC-841. Ao final do tramo, incluirá un enlace consistente na construción dunha glorieta a nivel sobre o citado viario autonómico. A actuación prevista inclúe 9 novas estruturas: viaduto do río Ulla, viaduto do río Vea, 4 pasos inferiores, 1 paso superior e 2 muros.
A Xunta prevé iniciar no outono as obras deste segundo treito, que completará a autovía ata o concello da Estrada.
O departamento de Infraestruturas da Xunta ten actualmente en execución o treito de prolongación da AG-59 de 3,5km entre A Ramallosa e Pontevea (Teo), cun investimento de 36 millóns de euros, coa previsión de que estea rematado a finais deste 2025.
Unha vez completadas ambas fases, a infraestrutura permitirá realizar o percorrido entre Santiago e A Estrada en apenas dez minutos, o que suporá unha mellora significativa na seguridade viaria e no acceso aos servizos públicos, ao tempo que facilitará o asentamento de empresas e a fixación de poboación nas comarcas de interior.
Coa construción desta nova infraestrutura, a Xunta de Galicia busca aumentar notablemente a capacidade do itinerario entre A Ramallosa e A Estrada, mellorar a seguridade viaria e facilitar a comunicación entre Santiago de Compostela e a comarca de Tabeirós-Terra de Montes.