Santiago de Compostela, 26 de setembro de 2026
A Xunta acaba de propoñer a adxudicación das obras da senda peonil e ciclista ao longo de 14,14 quilómetros da estrada autonómica PO-325 entre Vigo e Nigrán á empresa Construcións obras e viais, S.A (Covsa), por importe de preto de 4,8M€. A actuación cofinanciarase con fondos europeos FEDER.
A intervención permitirá habilitar dun eixo de mobilidade sostible ao longo deste viario autonómico, reformulando e completando a senda existente e coa inclusión tamén doutras actuacións que reforzarán a seguridade viaria ao longo do percorrido.
Acadarase unha senda continua de 3m de ancho e uso compartido peonil e ciclista que arrancará na contorna do barrio de Navia e se prolongará ata o núcleo urbano de Nigrán, conectando zonas como Coruxo, Oia, Saiáns, Priegue, Panxón, Patos, Praia América ou A Ramallosa.
A intervención contempla ademais outras actuacións como a mellora de cruces, nova sinalización e iluminación, a reorganización de espazos e mellora dos pavimentos, a habilitación de zonas de descanso con mobiliario urbano, aparcabicicletas ou a habilitación de tres áreas de transferencia nas que aparcar o coche e continuar o paseo en bicicleta.
Así mesmo, prevense dúas novas glorietas para reforzar a seguridade, unha no punto quilométrico 2+550 en Vigo, preto de Coruxo e a outra no cruce de Monte Lourido, entre Praia América e A Ramallosa, á altura do punto quilométrico 14+650. O prazo previsto de execución das obras é de 18 meses.