A Xunta adxudica a redacción do proxecto de acondicionamento de treito antigo da estrada PO-400 no Rodo, no Concello de Crecente

Santiago de Compostela, 7 de maio de 2023  A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade adxudicou por máis de 18.000 € o contrato para a redacción do proxecto de acondicionamento de treito antigo da estrada PO-400, no núcleo do Rodo, no concello de Crecente.

 

O contrato, adxudicado á consultora IN-Cubed Ingeniería, Innovación, investigación, S.L.L. permitirá definir as actuacións necesarias para intervir no treito antigo de 330 metros na marxe esquerda da PO-400, ao seu paso por este núcleo da parroquia de Albeos iniciándose no punto quilométrico 26+440 e finalizando no 26+770.

 

O obxectivo é executar unha senda peonil en ambas as marxes do treito antigo, coas actuacións de ampliación da plataforma que sexan necesarias e a rehabilitación do firme da calzada.

 

No proxecto incluirase a instalación das redes de servizos de pluviais, abastecemento, electricidade e alumeado.

 

Unha vez se conte co proxecto e se executen as obras de acondicionamento correspondentes, a Xunta procederá á aprobación do cambio de titularidade a prol do Concello de Crecente deste treito antigo da PO-400.