A Xunta adxudica a redacción do proxecto de construción dunha senda peonil na estrada OU-402, no concello de Castrelo de Miño

Santiago de Compostela, 7 de xaneiro de 2022.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de adxudicar a redacción do proxecto de construción dunha senda peonil na estrada OU-402, no concello de Castrelo de Miño.

Este contrato, cun investimento autonómico que supera os 18.500 euros, foi adxudicado á consultora Ingenia Proyectos Técnicos. O prazo de execución para a redacción do proxecto é de 5 meses.

Trátase de executar un itinerario na parroquia de Castrelo de Miño, no treito que une o núcleo de poboación que dá nome a esta parroquia e o lugar do Pazo, entre os puntos quilométricos 24+650 e 25+000.

O obxectivo é desenvolver unha senda, en principio pola marxe dereita da OU-402, aínda que suxeita á análise do proxecto.

Cómpre estudar o tránsito peonil no punto quilométrico 24+800 da estrada, no que se sitúa un pontón sobre un curso de auga para o que será necesario analizar se o máis axeitado é unha ampliación da estrutura ou unha pasarela exenta.

A Xunta xa realizou no outono actuacións de mellora da seguridade viaria peonil nesta vía autonómica, que serán completadas co proxecto que agora se comeza redactar.