Santiago de Compostela, 4 de xaneiro de 2022.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de adxudicar a redacción do proxecto para executar unha senda peonil na estrada PO-548, en Catoira.
O contrato, adxudicado ao consultor Vivero de soluciones para la Ingeniería, por un importe de case 18.000 euros, conta cun prazo de 5 meses.
O obxectivo é acometer unha senda peonil entre os puntos quilométricos 7+470 e 8+920 na PO-548 en Catoira.
Trátase de reforzar a seguridade e favorecer os desprazamentos a pé neste tramo que actualmente non conta cun espazo para o tránsito peonil seguro, a pesar de ser unha vía que atravesa zonas poboadas e de dar acceso á capitalidade do concello.
A nova senda dará accesibilidade peonil a servizos necesarios para o día a día dos veciños como os comercios, a escola taller ou as instalacións deportivas.
A senda desenvolverase por unha marxe da estrada, a decidir en función da análise que se realice no marco do proxecto.
O Goberno galego continúa dotando as estradas autonómicas de itinerarios seguros, sustentables e integrados na paisaxe para facilitar a mobilidade dos cidadáns.