A Xunta adxudica a reparación da drenaxe transversal da estrada OU-540 no concello de lobios

Santiago de Compostela, 27 de febreiro de 2022.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de adxudicar a reparación da drenaxe transversal na estrada OU-540 en Lobios.

As obras, adxudicadas á empresa Canalis Soluciones Tecnológicas S.L. por un importe de case 48.000 euros, iniciaranse nas vindeiras semanas.

Trátase da reparación dunha obra de drenaxe transversal existente na estrada autonómica OU-540, no punto quilométrico 68+950.

Actualmente a drenaxe está formada por un tubo metálico de aceiro, que está deteriorado pola corrosión por problemas de filtración de auga.

Levarase a cabo un proceso de encamisado con manga continua autoportante, sen necesidade de abrir a gabia na calzada nin efectuar cortes de tráfico. Con este método crearase unha tubaxe nova no interior da existente, sen xuntas, mediante a introdución dunha manga continua composta de fibra vidro con protección exterior de poliéster reforzado.

De xeito previo, efectuaranse os traballos necesarios para ter unha boa superficie de soporte, incluíndo a limpeza e o desatasco de residuos do interior do tubo e a inspección do colector mediante un equipo robotizado.

Durante a realización dos traballos poderase manter o tráfico, coa correspondente sinalización de advertencia de obras nas marxes.