Santiago de Compostela, 27 de abril de 2023 A Xunta aposta por unha iluminación sustesntable para garantir a seguridade nas estradas autonómicas e nas infraestruturas do transporte público.
O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, inaugurou esta mañá a xornada, ‘A iluminación exterior. Criterios de deseño’, na que os 85 participantes asistentes: técnicos da Xunta -tanto de obra civil como de edificación-, con disciplinas como a enxeñería e a arquitectura, consultoras e profesionais redactores de proxectos, abordaron os aspectos máis relevantes do alumeado exterior e a importancia para a seguridade viaria.
O departamento de Infraestruturas da Xunta está a despregar na actualidade un amplo abanico de actuacións nas que a iluminación xoga un papel moi importante, comezando pola iluminación viaria, con actuacións de renovación de iluminación en tramos urbanos de estrada nos que se está a actuar para mellorar a seguridade viaria ou nas que se dispoñen novas sendas peonís.
Tamén nas actuación e proxectos que executa a Xunta aténdese de xeito específico á iluminación de pasos de peóns, das paradas de autobús, de espazos urbanos asociados a estradas: os Camiños de Santiago, humanizacións de travesías ou en acondicionamentos de vías como a avenida da Deputación de Sabón.
Na xornada púxose de relevo que as obras públicas autonómicas prestan especial atención á iluminación de espazos urbanos, tanto asociados a edificios como hospitais e centros de saúde, ademais de actuacións de posta en valor de pontes e de edificios.
Deste xeito, a xornada organizada pola Axencia Galega de Infraestruturas centrouse na mellora da visión sobre o proceso de deseño, execución e control da calidade da iluminación nas actuacións da Xunta.
O departamento de Infraestruturs quere seguir avanzando no obxectivo de acadar nas obras que executa a maior sustentabilidade e eficiencia enerxética, cos materiais máis sostibles, coa menor contaminación lumínica e coa maior durabilidade.
A Xunta está a apostar por unha iluminación que contribúa a unha maior seguridade viaria, a unha mellor accesibilidade e seguridade das persoas que utilizan o transporte público, transitan polas vías de comunicación e están no espazo público.
Tamén a Xunta traballa na consecución dunha iluminación saudable, que sexa a xusta e que ademais teña en conta a intensidade e ata temperatura de cor para que non afecte á saúde das persoas.
A xornada organizada pola Axencia Galega de Infraestruturas desenvolveuse ao longo da mañá de hoxe e permitiu afondar na mellora da visión sobre o proceso de deseño, execución e control de calidade da iluminación nas actuacións da Xunta.
Para iso, contouse con relatores que abordaron os diferentes aspectos da iluminación, entre eles, o representante do Comité Español de Iluminación en Galicia, e cofundador e presidente da asociación Slowlight, José Enrique Alcázar.