A Xunta aproba a información pública e o proxecto de expropiación para executar as obras da torre polivalente do novo CHUAC, que suporán un investimento de 35,9 M€

Santiago de Compostela, 3 de xaneiro de 2023  A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución pola que se aproba a información pública e o proxecto de expropiación para materializar as obras da Torre Polivalente do Hospital Público da Coruña, o Novo CHUAC, cuxa execución suporá un investimento de 35,9 M€.

No marco deste proxecto está prevista a demolición do actual hotel de doentes, cuxos servizos serán trasladados a un bloque de nova construción que terá outras funcionalidades, a Torre Polivalente. Para a súa execución, faise precisa a adquisición do terreo colindante á parcela onde se prevé construír, motivo polo que o proxecto da Torre Polivalente foi sometido a información pública como paso previo á súa aprobación, un proceso agora concluído. No seguinte enlace ao DOG pode consultar a información: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230103/AnuncioC3K1-191222-00...

A publicación desta resolución supón que a Xunta ten preparado o proxecto para licitar as primeiras obras do Novo CHUAC, que se corresponden con esa Torre Polivalente. Porén, para a contratación das obras é necesaria a sinatura do convenio entre o Goberno galego e o Concello da Coruña para formalizar a achega municipal comprometida para o financiamento das expropiacións. A lexislación vixente en materia de obra pública require a dispoñibilidade efectiva do terreo expropiado antes da licitación das obras.

A Torre Polivalente será a primeira peza do novo Hospital Público da Coruña, que se situará na parcela sen edificar que está situada ao carón do actual complexo sanitario. Desde a Torre Polivalente administrarase todo o hospital e servirá de nexo entre as novas edificacións e o hospital actual, a través dunha pasarela elevada que o conectará co bloque oeste existente.

28,5 M€ para o avance da Torre Polivalente

A Torre Polivalente, que se adiantará ao resto do edificio hospitalario, albergará a administración, as áreas de xestión sanitaria, os laboratorios e o Hotel de doentes, con 14 habitacións.

Os Orzamentos da Xunta consignan este ano 28,5 M€ nas contas da Consellería de Sanidade para as expropiacións e obras, un orzamento suficiente para licitar e avanzar na Torre Polivalente, coa anualidade necesaria para executar o programa de traballo previsto. Os orzamentos tamén prevén a proxección plurianual necesaria para desenvolver o conxunto de actuacións que permitan materializar o novo CHUAC, con máis de 470 M€ consignados nas seguintes anualidades.

A redacción do proxecto da Torre Polivalente adiantouse ao resto de espazos do Novo CHUAC e as obras terán un prazo de execución de 12 meses. Cómpre lembrar que o anel viario que circundará o novo hospital, permitindo os múltiples accesos e conectar coa trama de rúas locais que converxen no hospital, obriga a demoler o actual hotel de doentes, cuxo proxecto está tamén redactándose, e resulta necesario dispoñer dun novo espazo para albergar os seus usos.

A execución desta Torre Polivalente, que se constrúe ao abeiro PXOM da Coruña, sobre terreos dotacionais públicos, ocupará 4.500 m² en planta rectangular e albergará 13.700 m² de superficie construída, que se distribuirán en 16 andares, 3 deles baixo rasante.

Será a primeira peza do Novo CHUAC e disporá de 2 accesos para garantir unha mellor funcionalidade: unha entrada para os usuarios do hotel de doentes e persoal administrativo, cunha zona cuberta que conformará un gran soportal de acceso; e outra entrada para persoal sanitario, en cuxo exterior se disporá unha praza de uso público e zonas verdes.

Máis en detalle, a execución da Torre Polivalente seguirá un sistema construtivo que se poida adaptar ás novas necesidades e cambios organizativos; seguindo criterios de eficiencia enerxética, desde o punto de vista térmico, de iluminación e da xestión da auga, primando o baixo consumo con dispositivos de aforro; empregando materiais de proximidade e reciclables; e buscando tamén a máxima funcionalidade.

O Novo CHUAC, proxecto estratéxico  

O Novo CHUAC é un proxecto estratéxico e prioritario para o Goberno galego xa en marcha e no que está a traballar, conxuntamente, as Consellerías de Sanidade e de Infraestruturas, ao que se destinarán máis de 500 M€ para blindar a atención sanitaria da área da Coruña nas vindeiras décadas.

A Xunta segue traballando para dotar a área da Coruña dun hospital de vangarda, facendo un grande esforzo que se verá incrementado aínda máis ao asumir o Goberno galego tamén o incremento do prezo das expropiacións e dos accesos que debería asumir o Concello, para que o hospital conte cuns accesos acordes e axeitados a este grande equipamento sanitario.