Santiago de Compostela, 1 de febreiro de 2022.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publicou no día de onte no Diario Oficial de Galicia (DOG) a Resolución pola que se aproba o expediente de información pública do proxecto de mellora da estrada PO-234, entre Laxoso e o cruce de Portasouto, en Ponte Caldelas.
A actuación nesta estrada suporá un investimento autonómico de máis de 1 millón de euros.
No seguinte enlace ao DOG pódese ampliar a información relativa á resolución publicada este luns: http://xurl.es/z0089
O obxectivo é o acondicionamento do tramo da vía autonómica comprendido entre os puntos quilométricos 2+580 e 4+150.
Os traballos neste tramo centraranse na mellora do trazado e na ampliación da calzada ata os 7 metros de ancho. Tamén se actuará nas interseccións e se executarán cunetas de seguridade e melloras da drenaxe transversal e lonxitudinal. Ademais reporanse a sinalización horizontal e vertical e as barreiras de seguridade flexibles.A Xunta, con esta actuación, completará o acondicionamento desta estrada que conecta os núcleos de Ponte Caldelas e Aguasantas, en Cerdedo-Cotobade, cuxas dúas primeiras fases foron xa executadas e supuxeron un investimento autonómico de preto de 1,25M€.
A execución da mellora desta vía dividiuse en tres fases. Xa está á disposición dos veciños o tramo entre o Cruce de Portasouto e Aguasantas, e tamén están acondicionado o treito entre Ponte Caldelas e Laxoso.